O meme dos agasallos
Marzo 24, 2008 ás 4:15 pm | En Blogaliza, Divagacións, Momentos freaks | 3 Comentarios
Recollo a luva guindada por O demo e dispóñome a cumprir co meme (permítanme a cursiva dada a entidade bizarra do palabro) dos agasallos. Logo de facer memoria -son de bastante bo conformar no que a obsequios se refire-, coido que estes son os que non deben faltar na listaxe. Os agasallos máis terríbeis da miña vida son, que eu lembre, os seguintes:
-
Equipación completa do Real Madrid, anos 80 style: sen dúbida, merece encabezar a clasificación. Os 80 foron, como todos sabemos, uns anos moi duros no que a estética se refire, e isto notábase mesmo na roupa deportiva. Se ao look oitentero lle engadimos que a equipación en cuestión era, nin máis nin menos, ca do Real Madrid (la Quinta del Buitre, para máis detalles) xa temos o lote completo. Regalo terríbel, ou a tentativa desesperada dun pai de mudar os criterios futboleiros dun tenro infante, aproveitando como pretexto o seu aniversario -creo-.
-
Xogos de mesa diversos: Pola súa crueldade. Pepe Brazolargo, Tozudo, Adivina quién es (que era o Quién es quién de toda a vida, pero del palo), La sopa loca, Alfred J. Cuack (o xogo)... son só algúns exemplos da perversión feita agasallo. Que sentido gastar cartos nun xogo de mesa, se o seu destinatario é un fillo único? Ningún! Os culpábeis neste caso son diversos, na súa maioría parentes de todo grao e condición.
E non se me vén á cabeza ningún máis... se cadra porque os que me regalan me coñecen ben, ou porque eu son de bo dente, ou polas dúas cousas. Dito isto, correspóndeme a min guindar a luva. E vaille a Abril e Revolução, coma representante da Galiza costeira, Dor na Retina, representando á emigración próxima, En Compostela, coma residente case-ausente e Zero Vacas, que non vai ser todo endogamia.
chuzame -
Limpo e na meta
Marzo 19, 2008 ás 5:10 pm | En Cousas da casa | 10 ComentariosNos últimos tempos foron sabendo, dun xeito máis ou menos críptico, os meus avatares, evolucións e dificultades coa especie médica. O pasado luns cheguei, case dous meses antes do horario previsto pola organización, á meta. E fíxeno coa máis inmensa das felicidades, con menos pelo na cabeza (que xa comeza a medrar) con algún que outro produto tóxico no meu torrente sanguíneo pero sen a máis mínima impureza interior, desas que fan moito dano.
Pasan así dous meses e dezasete días des que todo isto comezara con aquilo das grampas e continuara coa toxicidade e os seus efectos secundarios, aos que me vin referindo nos últimos tempos. Pasa algún tempo máis dende o momento no que entrei na consulta do médico cun problema menor, diagnosticado por alguén con bastantes poucas luces, e saín cun bastante máis grande, deses que asustan de verdade e que, non collidos a tempo, poden facer moito, moito dano. Pero a cousa encarreirouse dende o primeiro día, o resultado do paso polo quirófano foi excelente e a evolución, inmellorábel. O tratamento posterior, deses que asusta dende o nome, respectoume en gran medida e agora, case tres meses despois, pódese dicir que estou curado e chega o momento de tirar conclusións. Esas conclusións son as que, dende hai un par de días, tento sintetizar e plasmalas aquí, para compartilas con vós e de paso sacalas fóra dos miolos.
Non me deterei aquí en todo o que me pasou pola cabeza neste tempo, que é moito, pero si deixarei algúns trazos que contribuiron a pintar o cadro do meu paso polo edificio acristalado, da miña recuperación e tamén dos meus bos ánimos. Foi un cadro pintado grazas a uns profesionais excelentes, que fan que quite o sombreiro diante da nosa sanidade pública, e que non teña máis que palabras de agradecemento dende o primeiro médico ao último celador. Se algúns calificativo merecen, ademais do de "profesionais" é o de "humanos", que é o mellor que pode ser alguén que ten que compartir e tentar solucionar un dos momentos máis duros da vida dunha persoa. A outra metade do cadro, a que non se solucionaba con cirurxía nin medicamentos, tamén estivo sobradamente atendida, tanto pola familia xenética como pola outra, a que forman todos os que pasaron a carón do meu sofá, do corredor hospitalario, da mesa do bar ou das rúas pola que dei paseos. Os lotes de películas, os xogos de mesa, as revistas, os xornais, os detalliños e, sobre todo, o voso agarimo fixo que isto fose un tránsito moito máis doado. Non vou poñer as ligazóns, que non todos tedes casa internáutica, pero penso que tampouco fai moita falta, que a ligazón xa está feita dende hai tempo. Simplemente as máis inmensas grazas, a todos e a cada un [espero poder dárvolas, polo menos á maioría, co arrecendo do licor café como fondo da escena].
Só me resta unha reflexión: no ano 2008 cada vez hai máis posibilidades de superar esa á que os xornalistas lle chamamos "unha grave enfermidade". O cancro xa se cura, por desgraza non todos, pero, por sorte, moitos si. Saúde para todos.
Nota: grazas aos autores dos dous comentarios que Blogaliza papou sen explicación.
chuzame -
Que vote, que vote
Febreiro 28, 2008 ás 8:33 pm | En Cousas da casa, Divagacións, País | 9 ComentariosLogo do g-debate de onte, despois de saber que o rigor non se merca en mercerías, que se a nena de Rajoy vivise en Galiza tería asistencia bucodental de balde, que temos que ter máis peso en Madrid ou que o Plan Galicia vai resucitar de entre os mortos... tocou votar. Se aceptamos como válido que o día das eleccións é a festa da democracia, poderiamos afirmar que, o voto por correo é a mesma festa, pero máis cutre... algo así coma se o 9 de marzo tocase a París de Noia e na oficina de Correos, como moito houbese un paisano cun organillo. Pero en fin, dado que a semana que vén vou estar secuestrado e a xornada en cuestión estarei recuperándome do secuestro... votado queda.
Nota mental: observen na imaxe cantas opcións hai na provincia de Lugo se se lle quere votar a un partido facha/freak, para que vexan.
chuzame -
O g-debate
Febreiro 26, 2008 ás 7:58 pm | En País | 4 Comentarios
Faltan pouco máis de vintecatro horas para que se celebre (ou non) diante das cámaras da Galega o debate entre os que, xenericamente, chamaremos os nosos líderes -en diante, ONL- a saber: o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, o vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e mais o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo. Nesta tesitura, xúrdenme varias preguntas:
-Ten sentido un debate entre ONL no marco dunhas eleccións xerais?
-Non sería máis acaído que debatisen os que se presentan a estas eleccións?
-Canto custa a montaxe espectacular que a TVG está a montar nun hotel compostelán?
-Cantos cartos se van perder no caso de que, finalmente, o PP diga que Feijoo non vai? Alguén preveu esta posibilidade?
-Como se van aproveitar os cartos investidos no caso de que non haxa debate? Vaise emitir o Luar desta semana dende o hotel en cuestión?
-Por que o PP pon tantas condicións?
-É este debate un ensaio para de-hoxe-nun-ano?
Actualización: finalmente, vai haber debate, así que non vai haber que empregar o decorado para emitir o Luar ou improvisar unha festa-dos-nosos-maiores. Saben o peor de todo? Que, aínda mantendo todas as anteriores cuestións, no fondo do meu ser, estes eventos encántanme -que inconsistencia moral, la que está liando Zapatero :P-.
chuzame -
Distonía
Febreiro 19, 2008 ás 10:22 pm | En Cousas da casa | 11 ComentariosO corpo humano évos o ordenador co Windows máis enrevesado, ou o trebello que máis parafusos pode variar de posición. Como ben sabedes os máis dos que pasades por aquí, veño de estar uns días no edificio acristalado, na primeira quenda de por-se-acaso. Andaba eu a fin de semana inmerso nos -escasos- efectos secundarios, unha ida de pinza e unhas gañas de facer nada aquí, un pitido nos ouvidos alá, unha revolución estomacal sen demasiada importancia acolá... cando comezou o verdadeiro espectáculo. Pasaban pouco máis alá das nove da noite do domingo cando quen lles fala comezou a sentir unha leve tensión na parte posterior da cabeza... leve tensión que derivou en pequeno tirón... logo nun tirón máis forte... e que ía aumentando ata obligarme a estar coa cabeza alta coma os lexionarios cando lles pasa a cabra por diante...
Así as cousas, e diante do desconcerto xeralizado e o acongoje persoal e familiar reinante, o meu utilitario tornou en vehículo do 061 e ala, para a Choupana outra vez... nesa altura, as cellas chegábanme ao ceo aproximadamente (ríase vostede da campaña de ZP^^). Logo... paso polos corredores de urxencias a douscentos por hora, xuramentos diversos (meus), analítica e, por fin... a causa... un protector estomacal, o ata o momento considerado inofensivo Primperán (concretamente, a súa variante culta, a metroproclamida) estábame pegando a peor das malleiras! Antídoto en vea... e ata o médico rindo en quince minutos de reloxo. Seica lle chaman transtorno extrapiramidal e/ou distonía muscular. Total, unhas risas (agora).
chuzame -
Corredores e saliñas
Febreiro 13, 2008 ás 10:06 pm | En Cousas da casa | 4 Comentarios
O corredor e a saliña. Cando nun ingreso hospitalario tes a posibilidade de pasar no cuarto bicompartido o menor tempo posíbel, os corredores son os teus mellores aliados e, neste caso concreto, a "saliña de estar" tamén cumpre a súa boa función. Non sei cantos quilómetros percorrería hoxe co meu amigo de rodas, primeiro só, enchufado ao mp3, e logo coa compaña materna... Polo demais, sigo resistindo ao endroghamento, e os míticos efectos secundarios non fixeron, polo momento, acto de presenza, cousa que se agradece, e moito. Bebiches? Mexaches? Canto? Pon o termómetro! Imos mirar esa tensión... Son frases que se repiten ou alternan co piii do meu amigo con rodas, que, para que o saiban, ten o inquietante nome de bomba de infusión.
O último tramo do serán transcurriu moito máis rápido... polos corredores do CHUS apareceu unha manifestación... houbo quen me proporcionou xogos célticos... outras trouxeron películas, humor patrio... e, sobretodo, todos trouxeron a compaña que se agradece inmensamente. Tamén as chamadas, que aínda se valoran máis cando quen chama tamén ten as súas cousas. Dende a casa acristalada onde curan e aburren, despídome ata o vindeiro parte.
chuzame -
A rumba do hospital
Febreiro 12, 2008 ás 9:57 pm | En Cousas da casa | 2 ComentariosDende a parte máis alta do CHUS pódese ver Santiago case enteiro, dicíao onte e hoxe achego proba documental. Dende as infames torres de Salgueiriños ata as da catedral, pasando polos aceiros en plena soldaduda da Cidade da Cultura. Entre esta fiestra, a salita-de-estar e mais o outro lado do meu corredor van pasando as horas... a rumba do hospital, corredor para aquí, corredor para alá. O certo é que o meu camiño cara a converterme nun toxic man non está a ser, polo momento, demasiado dificultoso. O conglomerado de pastillas (omeprazoles, lorazepanes e outras que non lembro) para que o meu estómago aguante o tirón fai, de momento, o efecto desexado (non saben estes con quen tratan, tamén é verdade... que diría o castizo, "en peores plazas hemos toreao", no que a asuntos gástricos se refire) e deambulo con soltura co meu amiguiño ao carón.
Como andas de ánimo? Pregúntanme. Pois deixando á marxe o feito de ter que estar aínda tres días máis (sen ter en conta as visitas posteriores, etc. etc.) aquí metido, polo demais, non me podo queixar. Os efectos secundarios eses apenas tiveron valor para manifestarse, e agardo que siga sendo así... ademais, este retiro tóxico-espiritual está servindo para chantarlle o dente a algúns libros que tiña por aí esquecidos, xunto á correspondente prensa diaria. Non lles negarei que teño gañas de que chegen os derradeiros días de abril nin que este sitio non é o máis recomendábel para pasardes unhas vacacións... pero mentres e non... a cousa marcha e aquí estamos, corredor para aquí, corredor para alá, a xente é simpática... e se é acompañado, coma sempre, moitísimo mellor. Mañá máis.
chuzame -
Live from the CHUS
Febreiro 11, 2008 ás 11:29 pm | En Cousas da casa | 4 ComentariosPois si, señoras e señores, retransmitimos en directo dende o edificio que poden ver sobre estas liñas. O luns foi a vencida, e logo dunha toma de mostrar no pueblo ese no que non lles gusta o monte Gaiás, vinme instalar aquí. Primeiro, o pinchazo de rigor... a ver se che doe... e esas cousas... e logo, a dopaxe, que para iso estamos aquí. Por obra e graza da tecnoloxía poderei -polo menos mentres me dure o saldo- irlles contando as miñas andanzas, se é que son dignas de contar (o meu espazo vital redúcese a un cuarto (bicompartido), un corredor e unha salita con cadros impresionistas). O primeiro asalto cos tóxicos vouno levando, apenas unha sensación rara no estómago, moito inferior, para que se fagan unha idea, á que provoca certo líquido espirituoso unhas horas despois de ser consumido. Iso si, dende aquí arriba domino a City enteira, do Gaiás ao Pedroso, pasando pola Catedral, as moles de Salgueiriños ou o pico Sacro (mañá póñolles unha afoto)... serán, durante os vindeiros cinco días, o pano de fondo dos meus paseos agarrado ao que xa é un amigo máis, e mesmo unha extensión do meu brazo esquerdo.
Así as cousas, mentres estiven só fun levando a tarde entre libros, músicas e demais... logo, non faltaron as visitas, primeiro individuais e logo en manifestación. Xa sabedes que se agradecen, e moito. Agora, nun pouquiño tocará durmir... que nestes sitios, por moi amábeis que sexan (que o son), seica lles pagan por molestar a partir das sete da mañá. Haberá novo parte cando sexa necesario :).
chuzame -
Un, dous, tres… maaartes
Febreiro 6, 2008 ás 7:06 pm | En Momentos freaks | 12 ComentariosO Sergas concédeme unha prórroga ata o luns (desta vai, prometido) e a min dáme por reflexionar sobre o xeito en que se pode manifestar o noso feito diferencial, ás veces, nos xeitos máis insospeitados. Para, mostra, un botón que hoxe tiven a oportunidade de comentar á hora do xantar. Cantos galegos, ao escoitar as novas políticas que chegan dende Iankilandia nas últimas horas, pensamos en Barack Obama ou Hillary Clinton?
chuzame -
Convalecencia, capítulo 11: dopaxe
Xaneiro 30, 2008 ás 7:23 pm | En Cousas da casa | 4 ComentariosSeguimos avanzando, literal e simbolicamente. As dificultades dos anteriores dez capítulos desta novela están practicamente superadas, xa sei andar, xa sei conducir, xa sei mesmo saltar, así que no que a psicomotricidade se refire, xa estou recuperado. Polo demais, a cousa tamén avanza. Logo de pasar por un túnel de luciñas cun líquido que provoca calor polas veas, xa sei que interiormente estou limpo e non teño máis defectos ca os estruturais, os de nacemento, os mentais e os provocados polos vicios... así que só resta un chute de "por se acaso". Así as cousas, ao camiño réstanlle catro tiradas de cinco días no edificio acristalado separadas por un mes entre elas. A primeira comezará, o máis seguro, mañá, como moi cedo, o luns o luns día 11.Logo, segundo o horario previsto pola organización... chegaremos a finais de maio e, un malestar xeral e algúns mareíños despois, o que agora é unha lata pasará a ser unha batalliña para lle contar aos netos. Seguiremos informando.
chuzame -
Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios.
Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^





















