Dúas cancións para unha tarde de chuvia e frío
abril 9, 2008 ás 5:57 pm | En Cousas da casa | 24 ComentariosAínda sen saber cal das dúas é a boa, deixo aquí unha de cal e outra de area. A primeira, un exercicio de autotortura, probabelmente necesario (teoría do rebote técnico, tocar fondo para poder subir ata aboiar), e cruelmente certeiro -especialmente no retrouso- da foto fixa de hai apenas uns minutos, nesta tarde de primavera noxentamente fría e chuviosa. A segunda, de momento é un acto de fe, mais agardo que sexa tamén unha visión do futuro a curto-medio prazo. Disque temos moi pouco tempo para gastalo en chorar. Aínda que custe -moito-.
chuzame -
De como un moribundo non pode curar un enfermo
abril 7, 2008 ás 2:17 pm | En Divagacións, Medios, País | 34 Comentarios
Nunha incursión por terras luguesas -ultimamente abundan por motivos diversos (léanse entradas anteriores...)- estaba facendo algo tan propio do lugar coma ler El Progreso nun bar cando atopei un artigo, metade literatura, metade opinión, que reflicte en gran medida o meu parecer sobre o complexo sanitario que poden ver sobre estas liñas (daba saída así, de paso, ao meu afán dos últimos tempos de ler todo texto que leve palabras coma "Sergas" ou "hospital"). Se cadra porque tiven que pasar por experiencias pouco agradábeis nese lugar que me alteraron a percepción, quizais por preconceptos... o certo é que o Hospital Xeral de Lugo, alias "A Residencia", é, para min, o máis semellante a un deses hospitais soviéticos das películas, nos que non che estrañaría nada que no cuarto do lado estiven utilizando unha serra de carpinteiro como material cirúrxico e un garabullo nos dentes coma único anestésico. É posíbel que non sexa cousa dos profesionais, nin do equipamento... ou si, vaia vostede saber... o certo é que a descrición que Miguel Olarte asina baixo o título de "El chico de la 208" é tan retranqueira coma realista e demoledora. Déixolles aquí un petisco:
(...) Las tripas del Xeral rugen como las mías, pero no de hambre, sino de olvido. Allí donde miras hay herrumbre, desconchados y abandono, como si se tratara de un enorme enfermo desahuciado que, consciente de su estado terminal, no aspira a más tratamiento que el paliativo, y éste apenas le alcanza para sustentar la dignidad mientras el cuerpo se va cayendo a trozos. Los marcos, las puertas, las paredes ya no se molestan en ocultar las heridas abiertas por el descuidado ir y venir de las pesadas camas; las sillas, parientes cercanas de la Vieja Sparky texana, sólo siguen siendo legales en este país porque carecen de toma de corriente; localizar un soporte móvil para el gotero que aún ruede en lugar de arrastrarse es un imposible.(...)
"El Chico de la 208", Miguel Olarte en El Progreso do 6 de abril do 2008
chuzame -
Unha empresa tri-reintegrata
abril 3, 2008 ás 8:37 pm | En Divagacións, País | 6 ComentariosNon podo resistir a tentación de compartir con vostedes un encontro lingüístico na (polo menos) terceira fase que me inquieta dende hai vintecatro horas. Como observarán sobre estas liñas, o asunto inscríbese nun contexto no que un servidor, en galego ILG e de forma moi correcta, pon en coñecemento da empresa en cuestión que lle causa certo malestar que unha tarxeta duns poucos centímetros tarde máis dun mes en facer o percorrido Lugo - Santiago de Compostela... Como poden ver, a responsábel de atención ao cliente, devolucións, incidencias e mareos ao usuario, fai un exercicio lingüístico, cando menos, inquietante. Galego normativo? Reintegrado? Español reintegrado?
Nota: teñan en conta que a web en cuestión é trilingüe español-inglés-portugués. Mi no entender...
chuzame -
Na noite máis triste
marzo 28, 2008 ás 4:26 am | En Cousas da casa, Divagacións | 3 Comentarios
Era noite pecha cando as nubes comezaron a chorar. E as rúas están inmensamente molladas, máis que nunca na vida.
chuzame -
O meme dos agasallos
marzo 24, 2008 ás 4:15 pm | En Blogaliza, Divagacións, Momentos freaks | 3 Comentarios
Recollo a luva guindada por O demo e dispóñome a cumprir co meme (permítanme a cursiva dada a entidade bizarra do palabro) dos agasallos. Logo de facer memoria -son de bastante bo conformar no que a obsequios se refire-, coido que estes son os que non deben faltar na listaxe. Os agasallos máis terríbeis da miña vida son, que eu lembre, os seguintes:
-
Equipación completa do Real Madrid, anos 80 style: sen dúbida, merece encabezar a clasificación. Os 80 foron, como todos sabemos, uns anos moi duros no que a estética se refire, e isto notábase mesmo na roupa deportiva. Se ao look oitentero lle engadimos que a equipación en cuestión era, nin máis nin menos, ca do Real Madrid (la Quinta del Buitre, para máis detalles) xa temos o lote completo. Regalo terríbel, ou a tentativa desesperada dun pai de mudar os criterios futboleiros dun tenro infante, aproveitando como pretexto o seu aniversario -creo-.
-
Xogos de mesa diversos: Pola súa crueldade. Pepe Brazolargo, Tozudo, Adivina quién es (que era o Quién es quién de toda a vida, pero del palo), La sopa loca, Alfred J. Cuack (o xogo)... son só algúns exemplos da perversión feita agasallo. Que sentido gastar cartos nun xogo de mesa, se o seu destinatario é un fillo único? Ningún! Os culpábeis neste caso son diversos, na súa maioría parentes de todo grao e condición.
E non se me vén á cabeza ningún máis... se cadra porque os que me regalan me coñecen ben, ou porque eu son de bo dente, ou polas dúas cousas. Dito isto, correspóndeme a min guindar a luva. E vaille a Abril e Revolução, coma representante da Galiza costeira, Dor na Retina, representando á emigración próxima, En Compostela, coma residente case-ausente e Zero Vacas, que non vai ser todo endogamia.
chuzame -
Limpo e na meta
marzo 19, 2008 ás 5:10 pm | En Cousas da casa | 12 ComentariosNos últimos tempos foron sabendo, dun xeito máis ou menos críptico, os meus avatares, evolucións e dificultades coa especie médica. O pasado luns cheguei, case dous meses antes do horario previsto pola organización, á meta. E fíxeno coa máis inmensa das felicidades, con menos pelo na cabeza (que xa comeza a medrar) con algún que outro produto tóxico no meu torrente sanguíneo pero sen a máis mínima impureza interior, desas que fan moito dano.
Pasan así dous meses e dezasete días des que todo isto comezara con aquilo das grampas e continuara coa toxicidade e os seus efectos secundarios, aos que me vin referindo nos últimos tempos. Pasa algún tempo máis dende o momento no que entrei na consulta do médico cun problema menor, diagnosticado por alguén con bastantes poucas luces, e saín cun bastante máis grande, deses que asustan de verdade e que, non collidos a tempo, poden facer moito, moito dano. Pero a cousa encarreirouse dende o primeiro día, o resultado do paso polo quirófano foi excelente e a evolución, inmellorábel. O tratamento posterior, deses que asusta dende o nome, respectoume en gran medida e agora, case tres meses despois, pódese dicir que estou curado e chega o momento de tirar conclusións. Esas conclusións son as que, dende hai un par de días, tento sintetizar e plasmalas aquí, para compartilas con vós e de paso sacalas fóra dos miolos.
Non me deterei aquí en todo o que me pasou pola cabeza neste tempo, que é moito, pero si deixarei algúns trazos que contribuiron a pintar o cadro do meu paso polo edificio acristalado, da miña recuperación e tamén dos meus bos ánimos. Foi un cadro pintado grazas a uns profesionais excelentes, que fan que quite o sombreiro diante da nosa sanidade pública, e que non teña máis que palabras de agradecemento dende o primeiro médico ao último celador. Se algúns calificativo merecen, ademais do de "profesionais" é o de "humanos", que é o mellor que pode ser alguén que ten que compartir e tentar solucionar un dos momentos máis duros da vida dunha persoa. A outra metade do cadro, a que non se solucionaba con cirurxía nin medicamentos, tamén estivo sobradamente atendida, tanto pola familia xenética como pola outra, a que forman todos os que pasaron a carón do meu sofá, do corredor hospitalario, da mesa do bar ou das rúas pola que dei paseos. Os lotes de películas, os xogos de mesa, as revistas, os xornais, os detalliños e, sobre todo, o voso agarimo fixo que isto fose un tránsito moito máis doado. Non vou poñer as ligazóns, que non todos tedes casa internáutica, pero penso que tampouco fai moita falta, que a ligazón xa está feita dende hai tempo. Simplemente as máis inmensas grazas, a todos e a cada un [espero poder dárvolas, polo menos á maioría, co arrecendo do licor café como fondo da escena].
Só me resta unha reflexión: no ano 2008 cada vez hai máis posibilidades de superar esa á que os xornalistas lle chamamos "unha grave enfermidade". O cancro xa se cura, por desgraza non todos, pero, por sorte, moitos si. Saúde para todos.
Nota: grazas aos autores dos dous comentarios que Blogaliza papou sen explicación.
chuzame -
Que vote, que vote
febreiro 28, 2008 ás 8:33 pm | En Cousas da casa, Divagacións, País | 9 ComentariosLogo do g-debate de onte, despois de saber que o rigor non se merca en mercerías, que se a nena de Rajoy vivise en Galiza tería asistencia bucodental de balde, que temos que ter máis peso en Madrid ou que o Plan Galicia vai resucitar de entre os mortos... tocou votar. Se aceptamos como válido que o día das eleccións é a festa da democracia, poderiamos afirmar que, o voto por correo é a mesma festa, pero máis cutre... algo así coma se o 9 de marzo tocase a París de Noia e na oficina de Correos, como moito houbese un paisano cun organillo. Pero en fin, dado que a semana que vén vou estar secuestrado e a xornada en cuestión estarei recuperándome do secuestro... votado queda.
Nota mental: observen na imaxe cantas opcións hai na provincia de Lugo se se lle quere votar a un partido facha/freak, para que vexan.
chuzame -
O g-debate
febreiro 26, 2008 ás 7:58 pm | En País | 4 Comentarios
Faltan pouco máis de vintecatro horas para que se celebre (ou non) diante das cámaras da Galega o debate entre os que, xenericamente, chamaremos os nosos líderes -en diante, ONL- a saber: o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, o vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e mais o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo. Nesta tesitura, xúrdenme varias preguntas:
-Ten sentido un debate entre ONL no marco dunhas eleccións xerais?
-Non sería máis acaído que debatisen os que se presentan a estas eleccións?
-Canto custa a montaxe espectacular que a TVG está a montar nun hotel compostelán?
-Cantos cartos se van perder no caso de que, finalmente, o PP diga que Feijoo non vai? Alguén preveu esta posibilidade?
-Como se van aproveitar os cartos investidos no caso de que non haxa debate? Vaise emitir o Luar desta semana dende o hotel en cuestión?
-Por que o PP pon tantas condicións?
-É este debate un ensaio para de-hoxe-nun-ano?
Actualización: finalmente, vai haber debate, así que non vai haber que empregar o decorado para emitir o Luar ou improvisar unha festa-dos-nosos-maiores. Saben o peor de todo? Que, aínda mantendo todas as anteriores cuestións, no fondo do meu ser, estes eventos encántanme -que inconsistencia moral, la que está liando Zapatero :P-.
chuzame -
Distonía
febreiro 19, 2008 ás 10:22 pm | En Cousas da casa | 13 ComentariosO corpo humano évos o ordenador co Windows máis enrevesado, ou o trebello que máis parafusos pode variar de posición. Como ben sabedes os máis dos que pasades por aquí, veño de estar uns días no edificio acristalado, na primeira quenda de por-se-acaso. Andaba eu a fin de semana inmerso nos -escasos- efectos secundarios, unha ida de pinza e unhas gañas de facer nada aquí, un pitido nos ouvidos alá, unha revolución estomacal sen demasiada importancia acolá... cando comezou o verdadeiro espectáculo. Pasaban pouco máis alá das nove da noite do domingo cando quen lles fala comezou a sentir unha leve tensión na parte posterior da cabeza... leve tensión que derivou en pequeno tirón... logo nun tirón máis forte... e que ía aumentando ata obligarme a estar coa cabeza alta coma os lexionarios cando lles pasa a cabra por diante...
Así as cousas, e diante do desconcerto xeralizado e o acongoje persoal e familiar reinante, o meu utilitario tornou en vehículo do 061 e ala, para a Choupana outra vez... nesa altura, as cellas chegábanme ao ceo aproximadamente (ríase vostede da campaña de ZP^^). Logo... paso polos corredores de urxencias a douscentos por hora, xuramentos diversos (meus), analítica e, por fin... a causa... un protector estomacal, o ata o momento considerado inofensivo Primperán (concretamente, a súa variante culta, a metroproclamida) estábame pegando a peor das malleiras! Antídoto en vea... e ata o médico rindo en quince minutos de reloxo. Seica lle chaman transtorno extrapiramidal e/ou distonía muscular. Total, unhas risas (agora).
chuzame -
Corredores e saliñas
febreiro 13, 2008 ás 10:06 pm | En Cousas da casa | 5 Comentarios
O corredor e a saliña. Cando nun ingreso hospitalario tes a posibilidade de pasar no cuarto bicompartido o menor tempo posíbel, os corredores son os teus mellores aliados e, neste caso concreto, a "saliña de estar" tamén cumpre a súa boa función. Non sei cantos quilómetros percorrería hoxe co meu amigo de rodas, primeiro só, enchufado ao mp3, e logo coa compaña materna... Polo demais, sigo resistindo ao endroghamento, e os míticos efectos secundarios non fixeron, polo momento, acto de presenza, cousa que se agradece, e moito. Bebiches? Mexaches? Canto? Pon o termómetro! Imos mirar esa tensión... Son frases que se repiten ou alternan co piii do meu amigo con rodas, que, para que o saiban, ten o inquietante nome de bomba de infusión.
O último tramo do serán transcurriu moito máis rápido... polos corredores do CHUS apareceu unha manifestación... houbo quen me proporcionou xogos célticos... outras trouxeron películas, humor patrio... e, sobretodo, todos trouxeron a compaña que se agradece inmensamente. Tamén as chamadas, que aínda se valoran máis cando quen chama tamén ten as súas cousas. Dende a casa acristalada onde curan e aburren, despídome ata o vindeiro parte.
chuzame -
Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios.
Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^



















