Moncho, pon outras

26 Xullo 2008
Isto vai en Cousas da casa, Divagacións
1 Comentario »

Unha mensaxe no móbil serviu para me enterar de que o licor café ao que me convidou Moncho hai tres semanas era o derradeiro. Unha entrevista, no ano 2006, serviume para coñecelos a el e mais a Isa, a súa muller, e tamén ao monte de historias que atesouraban, acumuladas durante tanto tempo no histórico Porrón da rúa das Casas Reais e, nos últimos tempos, no reaberto Rincón, na Algalia de Arriba. Os soldados do cuartel do Hórreo, Fuxan os Ventos, Amancio Prada, e milleiros de estudantes, profesores e parroquianos pasaron polas dúas tabernas e mesmo asinaron ou reflexionaron nas súas paredes pintadas ata o infinito. Agora podo dicir que eu tiven a honra de inaugurar o mosaico das paredes do Novo Porrón, previo permiso de Isa que, como ben me dixo Moncho, era a que mandaba alí.

Despois viñeron moitas noites de cancións, de festa, de viño, de ledicia… dunhas castañas no outono e unhas filloas no Entroido… e de dicirnos que baixasemos o volume cando a crema de augardente bautizada con whisky ou a sangría elaborada con licores de froitas facían das súas. Aínda que nunca de xeito moi rigoroso porque, xa o dicía Moncho: “se eu fose o alcalde, multaba a taberna na que non se cantase“. Foise un taberneiro histórico de Compostela pero, sobre todo, marchou un bo home. Que descanses en paz.

Bo Día da Patria

25 Xullo 2008
Isto vai en Divagacións, País
12 Comentarios »

Porque, malia durmir tres horas e ter que traballar, malia aos anacronismos, malia a certos eslogans, malia aos de sempre, este Día encántame.  Bo Día da Patria.

Os Rastreros seguro que non pensaban nisto

14 Xullo 2008
Isto vai en Divagacións, Momentos freaks, País
4 Comentarios »

Quizais era só cuestión de tempo: señora, a Xunta organizou unha tractorada. O certo é que, nestes tempos confusos que nos toca vivir, non sería máis de estrañar que moitos outros saraos do Goberno, pero isto en concreto (aínda) non pasou. Trátase dunha peregrinaxe a Compostela protagonizada por 24 tractores clásicos.

Nota mental 1: non lles lembra a ningunha obra pictórica, polo menos en espírito a foto de Otto, artista de AGN? Mirada ao horizonte, bandeira ao vento.

Nota mental 2: non sería un conselleiro de Medio Rural montado nun Massey Ferguson de época un bo cartaz para o vindeiro 25? Non é Barreiros, vale, pero… sempre poderá valer para unha campaña contra os incendios, recuperando o lema “Sorte para o País”, que un director xeral xa fixera célebre nos infaustos días do verán de 2006.

Nota  mental 3: que pensarán Os Rastreros?

Persoas

10 Xullo 2008
Isto vai en Alén Piornedo, Divagacións, Medios
Comentarios desactivados en Persoas

Dicía Santiago Carrillo hai uns días en La Ventana, debatindo sobre as novas normas europeas en materia de inmigración: “Un bo día eses inmigrantes virán coma terroristas. E terán razón“.

Foto: de EFE en Público.

Cun pelaso

07 Xullo 2008
Isto vai en Cousas da casa
3 Comentarios »

Hoxe, cinco meses despois, fun cortar o pelo. Todo parece indicar que non sairán ricitos bisbaleros pero, malia todo… nunca imaxinei que me faría tanta ilusión poder ser cliente dunha perruquería.

Agora andan a pedir polas portas

06 Xullo 2008
Isto vai en Sen clasificar
2 Comentarios »

Hai uns anos, unhas mentes iluminadas, con cuarto de neurona e metade de cemento, decidiron que A Mariña de Lugo era un sitio ideal para crear a Marbella galega. Así as cousas, coa burbulla inmobiliaria máis que pletórica, comezaron a alicatar ata o teito unha costa que os que temos máis de 15 anos aínda lembramos cun chalé cada catro quilómetros e o resto costa, simplemente. A día de hoxe, ir por alí, aínda que sexa de pasada, dá pena e vergoña allea a partes iguais: Barreiros, Benquerencia, Reinante… e así ata Ribadeo, chalés de infame gusto e peor situación. Pero por se non fose pouco, a burbulla vén de rebentar e, como ben apuntaba Tomás G. Morán na Voz de onte, agora ese soño imbécil que non puido ser deixounos “feísmo en cantidades industriais“, de tal xeito que “a parede sen recebar do emigrante de Fráncfort mesmo nos vai parecer bonita”. E, de paso, queda un entorno natural privilexiado estragado para sempre, a non ser que alguén poida (e se atreva) meterlle a piqueta. Así e todo, os que se meteron a tabeiróns inmobiliarios seguen tentando pescar nun río no que apenas quedan peixes, e penduran cartaces coma o da imaxe, ata nas casas en ruínas, a ver se alguén pica. Ao cabo, como xa houbo quen lembrou, na Mariña hai máis de quince días de sol ao ano!.

Hoxe é venres, un saúdo!

04 Xullo 2008
Isto vai en Medios, Momentos freaks
1 Comentario »

[gv data=”u2rzkSIzIgE” width=”425″ height=”350″][/gv]

Hoxe, e vai un número de veces que só se pode expresar con notación científica (máis info, sobre o asunto, consulte aquí), estes de aquí arriba volven ao Luar, ese fito. Xunto a eles, outro clásico, Sergio Dalma, “un intérprete moi querido polo público galego”. Mágoa que xa non canten o Candil, Marica chuschús.

Nota para iniciados: vexan aquí!

O boneco deste verán!

30 Xuño 2008
Isto vai en Momentos freaks, País
6 Comentarios »

A idea naceu dunha conversa con algunha que outra mente perversa, baixo a inspiración dunha obra audiovisual que retrata estes tempos polos que transita o País. Quen asina tenta dar, vía Photoshop, a esa inquedanza… señora, velaquí o regalo deste verán, ideal para vicepresidir as viaxes dende un lugar privilexiado do seu utilitario (póñalle música, verá o que fai…).

A utilidade deste oficio

26 Xuño 2008
Isto vai en Medios, País, Xornalistiña
2 Comentarios »

Hai dous días, unha intervención parlamentaria do nacionalista Carlos Aymerich deu pé a que tres medios, as radios e un dixital, sacasen á luz a existencia dunha páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica na que,  baixo o nome Invest in Galicia, se instaba aos inversores estranxeiros a achegárense ao noso País e montar unha empresiña. Os argumentos? Tales coma que “la Comunidad Autónoma estrá entre las regiones con un menor coste laboral, aproximadamente el 86% de la media nacional”, que o noso entorno laboral presenta unha “escasa conflitividade” ou mesmo que a man de obra galega ten unha “excelente predisposición ao traballo“. O argumentario reforzábase con táboas e gráficos que deixaban claro que, por exemplo, unha hora de traballo galego podía chegar a custar seis euros menos cá dun vasco Síntese: ben preparados, baratos e parvos. Por se non fose suficientemente grave que o a Xunta nos vendese no mundo coma unha reserva de man de obra barata, isto adquiría especial gravidade se temos en conta que o PSdeG puña, hai catro anos (e con razón) a baixar dun burro ao entón responsábel da Consellaría de Economía, José Antonio Orza, por facer… o que? exactamente o mesmo, através de anuncios na prensa e televisión suecas.

Pois ben, hoxe, apenas cuarenta e oito horas despois, o Presidente da Xunta confirmaba que dera a orde de eliminar semellante insulto (a páxina principal xa non funciona, o resto, de momento si). Non concordaba, disque, coa liña política do Goberno e non era “obviamente”, en absoluto “brillante”. Uns prenderon a mecha, outros seguiron o rastro da pólvora e outros empregaron toda a súa (gran) capacidade de ser altofalante para demostrar que, unha vez máis, este oficio é, e debe ser, instrumento crítico e útil para a sociedade. Malia todo. Parabéns.

CaNON

20 Xuño 2008
Isto vai en Alén Piornedo, Divagacións
1 Comentario »

Escoitamos falar del durante meses, pero en apenas dez días será xa unha realidade. As tarifas do tan traído e levado canon dixital xa foron publicadas no BOE e, en consecuencia, dende o 1 de xullo, mercar un mp3 custará 3’15 euros máis, teremos que pagar ata 15 euros a maiores ao adquirirmos unha impresora multifunción, ou desembolsaremos 12 euros sobre o prezo cando queiramos un disco duro externo.

Chega así aos nosos petos a guerra preventiva contra ese mal do século XXI e do que, non se equivoquen, non son culpábeis o Goberno nin as entidades recadadoras dos dereitos de autor, senón escuros personaxes que, envoltos en torres infindas de tostadoras de cd’s, fan botar fume os seus routers para matar a cultura. Neste escenario, resulta comprensíbel que vostede e mais eu teñamos que financiar cos nosos impostos a actividade privada de certos elementos, e que esa gravame pese sobre as copias, de por exemplo, as fotos das vacacións, os traballos da carreira, os arquivos de audio dunha reportaxe elaborada por min mesmo ou sobre o deseño que encabeza estas liñas, se me dá por gardalo nun pendrive. Disque Todoscontraelcanon vai promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra este trabuco -encántame o termo-. Haberá que ver a actitude de todos e cada un, se a cousa prospera. Especialmente dos que se sumaron ao movemento contra o canon dun xeito, como mínimo… sospeitosamente oportunista. Eu, de momento… voume cabrear un pouco e pegar isto na barra lateral do blog. Como din os vellos… se foran cavar…